ANXEL CASAL, ALCALDE QUE FOI DE SANTIAGO DE COMPOSTELA
Anxo Casal Gosenge, tamén Ánxel Casal Gosenge (A Coruña, 17 de decembro de 1895 - Teo, A Coruña, agosto de 1936) foi un editor e político galego.
En 1909 emigrou a Bos Aires. Alí estivo empregado en diversos oficios durante dous anos. Volveu á Coruña e atopou traballo no consulado de Francia. Debido á precariedade económica emigrou outra vez, desta vez a Bordeus, pero regresou aos poucos meses.
De 1914 a 1917 cumpriu o servizo militar, do que sempre gardaría malos recordos. Uniuse ás Irmandades dá Fala da Coruña, colaborou no Conservatorio da Arte Galega e foi o promotor e primeiro mestre de escola do ensino galego (galeguista e laica) das Irmandades, a primeira que utilizou o galego (1926-1931).
En 1920 casou con María Miramontes e para sobrevivir abriron unha tenda de tecidos. En novembro de 1924, en colaboración con Leandro Carré Alvarellos, fundou a Editorial Lareira. Desvinculouse desa iniciativa para fundar en 1927 a Editorial Nós. Da súa imprenta saían A Nosa Terra e a revista Nós. En 1930 fundou o xornal republicano O Momentoque, o cal, por falta de apoio, só duraría 14 números e arrastraría a Nós case á quebra.
En agosto de 1931 trasladouse a Santiago de Compostela para tratar de salvar a editorial. Militante desde a súa creación do Partido Galeguista, foi alcalde de Santiago desde febreiro de 1936 ata o seu asasinato.
Alí continuou imprimindo e colaborando con diversas iniciativas republicanas, galeguistas e sindicalistas. Foi o editor e impresor das revistas vangardistas Claridade (1934) e Ser (1935) e promotor da Asociación de Escritores de Galicia, creada en abril de 1936 e truncada pola guerra civil.
Tras a sublevación militar do 18 de xullo escapou cara á parroquia de Vilantime, en Arzúa. Foi detido o 4 de agosto, e o seu corpo apareceu o 19 de agosto nun foso da estrada da parroquia de Cacheiras, marcado hoxe cun pequeno monumento.
Obtido de "http://é.wikipedia.org/wiki/Anxo_Casal"
